Cuestións a ter en conta antes da matrícula de 4º de grao

 

  • Traballo Fin de Grao.-
É un traballo a desenvolver de forma individual e autónoma polo estudante. Para matricularse del hai que facelo de todos os créditos restantes para rematar a titulación. Dado que non é posible matricularse de mais de 75 ECTS por curso, no caso de que falte por facer todo 4º, non se poden ter pendentes mais de 15 ECTS de cursos anteriores. 
No primeiro mes de curso publicarase a oferta temática que fan os departamentos e os docentes encargados de cubrila. Nese momento, hai que falar cos titores vinculados ao bloque temático que interese e concretar o tema do traballo.
O estudante tamén poderá presentar unha proposta temática, sempre que conte co visto bo dun titor que lle axude a desenvolvela.
Cando o titor considere rematado o traballo emitirá un informe, podendo solicitarse data de defensa, que será pública diante dun tribunal, sempre que se teñan superados os dous primeiros cursos do grao e 45 ECTS do 3º curso.
No caso de aprobar, a cualificación será efectiva cando se teñan superadas todas as materias do grao, agás o propio TFG. Se non se supera nos períodos de exame ordinario ou extraordinario, o tribunal emitirá un informe razoado e o estudante poderá continuar co tema elixido por un ano mais.
 
  • Materias optativas.-
Para completar os créditos do plano de estudos, ademais das materias de formación básica e as obrigatorias, é preciso cursar 36 ECTS optativos entre os dous semestres (6 materias, 3 en cada semestre). A Facultade oferta 72 ECTS (12 materias, 6 en cada semestre).
Co obxecto de garantir unha distribución razoable dos estudantes estableceuse un cupo de matrícula por materia, polo que non todos os que desexen cursar unha determinada materia poderán facelo. Como consecuencia, haberá un sistema de preinscrición para asignar as prazas de cada materia.
A apertura do prazo (5 ao 15 de xullo) anunciarase na web do centro. Os estudantes indicarán a orde de preferencia para cada unha das doce optativas. Unha vez pechado o prazo procederase a asignar as prazas en función dos créditos superados e o expediente académico dos solicitantes, publicándose o listado na web e nos taboleiros.
A aplicación de matrícula terá en conta esa asignación, non sendo posible matricularse naquelas materias nas que o estudante non conseguiu praza.

 

  • Prácticas.-
Os planos de estudos da Facultade contemplan a posibilidade de que o estudante faga prácticas en empresas e outras institucións que serían recoñecidas por ECTS optativos. Nun principio, recoñécense 6 ECTS, podendo chegar a 12 ECTS no caso de cumprir certos requisitos que deberán de fixarse nunha normativa propia pendente de desenvolver. Previsiblemente, como mínimo serán os seguintes:
  • Ter informe favorable do titor externo do primeiro tramo de prácticas.
  • Elaborar unha memoria explicativa, segundo as indicacións do titor interno.
  • Ter informes favorables do titor externo e a validación da memoria polo titor interno.
Para facer as prácticas, o estudante deberá solicitar unha praza na Fundación Universidade de Vigo (FUVI). Unha vez asignada e realizadas as horas pertinentes, deberá conseguir o informe do titor e, de ser o caso, cumprir o resto dos requisitos.
Nese momento dirixirase ao Decanato para solicitar o recoñecemento dos créditos correspondentes.
Vista a esixencia de matricularse de todas as materias pendentes para poder facer o TFG, é recomendable facer as prácticas no verán do 3º curso. De non telas completas antes do período de matrícula (nas primeiras semanas de agosto), sempre será posible renunciar as optativas que non sexan precisas para completar os 240 ECTS do grao nos períodos habilitados ao efecto no 1º e/ou no 2º semestre.
De querer facelas no 4º curso, ou ben se compaxinan cos horarios do 1º semestre, renunciando aos créditos optativos non necesarios no 2º semestre, ou de facelas nese 2º semestre (no que os horarios son de mañá), sería imposible o recoñecemento, computando os créditos feitos a maiores no expediente.
 
  • Mobilidade Estudantil (Erasmus).-
Nos novos graos, está prevista no cuarto curso por varias razóns:
  • Ter adquiridos os coñecementos básicos da titulación
  • Simplificar os recoñecementos de materias
  • Maior madurez para aproveitar os beneficios das estancias no estranxeiro
En calquera caso, para facilitar a saída dos estudantes permítese, baixo certas condicións (consultar aos titores ou o Vicedecano de RI), levar algunha materia de 3º curso pero nunca materias suspensas.
O feito de ter que elaborar o Traballo de Fin de Grao introduce certa complexidade xa que non é viable presentalo fora da UVigo. Como consecuencia, os estudantes propios cursarán só 48 ECTS na universidade de destino e para realizar o TFG poderán:
1.    Preferentemente, facelo en Vigo seguindo as indicacións do seu titor, o que implica asistir ás titorías que se lle indiquen e facer a defensa nas datas previstas.
2.     Se fose o caso, presentar unha proposta temática no prazo habilitado para elo, que terá que contar con codirectores na universidade de destino e en Vigo. A defensa farase sempre en Vigo, en principio nas datas previstas, salvo que se habiliten datas específicas, o que se anunciaría oportunamente.