TFG

Traballo de Fin de Grao
Aspectos fundamentais

É un traballo para desenvolver de forma individual e autónoma, aínda no caso de ser un traballo conxunto de varios estudantes, de carácter integrador, encamiñado a mostrar a adquisición das competencias vinculadas co título.

Para matricularse é necesario facelo de todos os créditos que resten para acabar o grao polo que hai que ter en conta a limitación de matrícula existente na UVigo, que é de 75 ECTS.

No primeiro mes de curso publicaranse a oferta temática e os titores de cada tema para que cada estudante poida informarse sobre aqueles temas que lle resulten de interese.

De ser o caso, tamén o estudante poderá presentar unha proposta temática, sempre que conte co visto e prace dun titor que lle axude a desenvolvela.

No prazo que se estableza, convocarase unha reunión para que os estudantes, por orde de expediente, vaian elixindo traballos de entre os ofertados ata que todos os matriculados teñan un tema asignado.

O titor, cando considere finalizado o traballo, debe facer unha valoración global do mesmo. Con ese informe, o estudante poderá solicitar na súa Secretaría Virtual data de defensa pública diante dun tribunal, sempre que teña superados todos os créditos do grao, excepto o propio TFG. En todo caso, a cualificación só farase efectiva cando se cumpra tal condición.

De non superar o TFG en calquera dos períodos de exame (ordinario ou extraordinario), o tribunal emitirá un informe razoado e o estudante poderá continuar co tema elixido por un ano máis.