Información de interese para o alumnado de 1º por 1ª vez

 

¡Benvidos á Facultade!

De seguido relátanse algúns aspectos que debedes ter en conta na vosa nova vida universitaria (VERSION PDF):

1.- Dirección de Correo Electrónico.

No momento de matricularvos crease automaticamente un enderezo de correo electrónico a voso nome do tipo Este enderezo electrónico está protexido contra spambots. É necesario activar Javascript para visualizalo

É importante que o activedes xa que nel recibiredes información sobre bolsas, prácticas en empresas, notificacións… Tamén o precisaredes para poder acceder á plataforma TEMA, na que o profesorado colga documentación que considera relevante para  a materia (apuntes, prácticas, lecturas, etc.).

Para activala, deberedes acceder ao seguinte enderezo:

https://correoweb.uvigo.es/horde/alumnos/inicial.php

No caso de preferir usar algunha outra conta particular, sería desexable que vincularades a da universidade a ela para poder acceder a esa información.

Aquí tedes un tutorial sobre como facelo con Gmail (buscando atópanse para os servizos de correo máis coñecidos): http://www.catedu.es/facilytic/2013/06/18/vincular-una-cuenta-de-correo-a-gmail/

2.- Carné Universitario.

É importante que fagades o carné universitario xa que o precisaredes para poder acceder á Secretaría Virtual (está dentro da páxina web da Universidade) onde poderedes realizar consultas relativas ao voso  expediente académico. Poderedes facelo, ben na sucursal do Banco de Santander ou no espazo habilitado a propósito na Facultade.

Tamén o precisaredes para facer uso das instalacións deportivas da Universidade (http://deportes.uvigo.es/index.asp).

3.- Tarxeta Universitaria de Vitrasa (autobús).

Permite obter descontos nas tarifas do autobús (de 1,17 euros que vale o billete normal, pasa a 0,59) e facer trasbordos entre as liñas. Pódese solicitar en calquera das oficinas de Caixanova, cubrindo o impreso que vos entregarán alí e acompañando un resgardo de matrícula ou o carné de estudante, dúas fotos e copia do DNI.

4.- Bolsas.

As solicitudes de bolsas de estudos deberedes entregalas na Unidade de Recollida de Bolsas que está no Edificio Miralles.

5.- Web.

A Facultade conta cunha páxina web: http/fccee.uvigo.es Nela cólgase a información relevante do Centro. Debedes consultala con asiduidade xa que, no caso de que haxa algún tipo de modificación nos calendarios de prácticas de laboratorios, calendarios de exames, ou horarios, ese será o primeiro lugar a través do que será comunicada. Tamén conta cunha sección de avisos onde se dan a coñecer noticias e novidades como poidan ser: actos, charlas, seminarios, etc.

6.- Pantalla da Entrada.

Na entrada principal da Facultade hai unha pantalla que se utiliza para notificar avisos importantes como poden ser: ubicación dos exames, actos, conferencias e seminarios, etc. Sería convinte que vos acostumbrasedes a consultala.

7.- Consulta do Expediente

É conveniente que, cada certo tempo, consultedes o voso expediente (podédelo facer na Secretaría Virtual https://seix.uvigo.es/uvigo.sv/. Ese é o único documento oficialmente válido para coñecer as vosas cualificacións. Al listaxes de notas que publican os profesores só teñen carácter informativo e, aínda que non é habitual, poden conter erros, prevalecendo sempre o reflectido no expediente.

 

8.- Profesores Titores.

Ao entrar na Facultade asígnasevos unha profesora ou un profesor titor que vos  apoiará ao longo da carreira, resolvendo as dúbidas que vos poidan xurdir ao longo do curso. Os nomes dos titores xunto aos estudantes que titorizan publícanse no taboleiro do Decanato.

Vós seredes os responsables de poñervos en contacto con eles para fixar a data da primeira reunión, aínda que é moi probable que eles tamén vos contacten.

9.- Avaliación dos Profesores.

A Universidade ten implantado un sistema de avaliación docente co que pretende coñecer a opinión dos estudantes respecto á docencia recibida. A vosa participación é imprescindible porque a información recollida permite incidir na mellora na calidade docente. Ademais, unha parte da financiación que recibe a Facultade ven determinada pola porcentaxe de alumnos que participación nas enquisas.

10.- Participación nos Órganos de Goberno.

É importante que participedes nos órganos de goberno da Facultade (Xunta de Facultade e Comisión Permanente) dado que aí é onde se deciden cuestións importantes para a vosa vida académica, como a designación dos horarios, a asignación de alumnos a grupos, os calendarios de exames, etc.

Cada dous anos hai eleccións de membros da Xunta de Facultade,  correspondéndolle ao estudantado o 30% dos membros da mesma. Idéntica representación tedes na Comisión Delegada Permanente que é o órgano no que se toman as decisións operativas.

Os representantes do alumnado intégranse na Delegación de Alumnos da Facultade, sita nun dos seminarios da zona de aulas, á que podedes acudir en caso de que o precisedes.

11.- Queixas e Suxestións.

Calquera queixa ou suxestión poderedes poñelas en coñecemento do Decanato, xa sexa directamente con un escrito dirixido ao Decano ou a través da Delegación de Alumnos.

No caso de que consideredes que os vosos dereitos non foron adecuadamente respetados, podedes acudir ao Tribunal de Garantías da Universidade, encargado de velar polos dereitos dos integrantes da comunidade universitaria.

12.- Crédito ECTS

A unidade de valoración das ensinanzas na universidade é o crédito ECTS. Segundo a normativa vixente, un crédito equivale a entre 25 e 30 horas de traballo do estudante. Na Universidade de Vigo optouse polo límite inferior (25 horas).

Na Facultade, as materias teñen unha extensión de  6 ou 9 créditos, é dicir , 150 ou 225 horas de traballo. Aí están incluídas as horas de teoría, prácticas, probas e o traballo persoal autónomo que ten que desenvolver o estudante para superar a materia.

13.- Docencia, Exames e Cualificacións.

Nos novos graos séguese un sistema de avaliación continua, téndose en conta o traballo realizado ao longo de todo o curso, a participación nas prácticas e nas clases. A asistencia a clases, ademais de recomendable, é obrigatoria.

A Guía Docente da Materia é o documento onde se atopa a información básica sobre a mesma (obxectivos, capacidades desenvolvidas, contidos, forma de avaliación, etc.). Son accesibles dende a web da Facultade (sección Oferta Estudos- Grao ADE/Economía- Plano Estudos- Clickar no cadro) ou, directamente nestes enlaces (podese actualizar o ano no cadro de diálogo superior):

https://seix.uvigo.es/docnet_2.2/guia_docent/index.php?centre=303&ensenyament=V03G020V01&consulta=assignatures&any_academic=2010_11

https://seix.uvigo.es/docnet_2.2/guia_docent/index.php?centre=303&ensenyament=V03G100V01&consulta=assignatures&any_academic=2010_11

Aínda que só dispoñedes dunha convocatoria por curso, hai dúas oportunidades de exame para superar as materias: unha ao remate do cuadrimestre ao que pertenece a materia (xaneiro ou maio/xuño) e outra no mes de xullo. Nesta Facultade non existe a convocatoria de setembro.

A cualificación só figurará no voso expediente xusto no momento no que superedes a materia ou, no seu defecto, ao remate do curso (en xullo). A nota que figurará no expediente será a maior das que obteñades nas dúas oportunidades anteriores. Por exemplo, se nunha materia sacas un suspenso na convocatoria de maio/xuño e un aprobado na convocatoria de xullo, só figurará esa nota. Ou ben, se sacaches en xaneiro un 4 e na convocatoria de xullo sacaches un 2, a cualificación que che aparecerá será o 4.

14.- Requisitos para poder continuar estudos (Importante).

A nova normativa de permanencia da UVigo esixe cumplir cos seguintes requisitos para poder continuar estudos:

·       En primeiro curso por primeira vez hai que superar 12 ECTS (6 ECTS en caso de matrícula parcial).

·       Despois, cada tres anos consecutivos de permanencia na titulación hai que superar 60 ECTS como mínimo (30 ECTS no caso de matrícula a tempo parcial).

De non cumplilos, non se poderán continuar os estudos e teredes que trasladar obrigatoriamente o voso expediente a outra Universidade.

15.- Titulacións.

Rematada a carreira, a titulación que obteredes será a de Graduado/a en Administración e Dirección de Empresas ou Graduado/a en Economía, dependendo dos estudos que fixésedes.

Os grados están orientados á preparación para o exercicio de actividades de carácter profesional.

Se tedes intención de adquirir unha formación avanzada, orientada á especialización académica ou profesional, ou ben iniciarvos en tarefas de investigación, unha vez rematado o grao correspondente, deberiades facer un mestrado (Máster Oficial).

No caso de que o voso obxectivo sexa acadar unha formación avanzada en técnicas de investigación, deberíades inscribirvos nun programa de doutoramento e facer unha tese doutoral.

 

16.- Gabinete Psicopedagóxico.

A Universidade conta cun Gabinete Psicopedagóxico destinado a prestar axuda específica: http://extension.uvigo.es/contidos/gabinete/contacto_gl.htm

A súa ubicación física está no edificio Miralles e poderedes dirixirvos a el no caso de precisar apoio a nivel persoal, psicolóxico ou académico.