O Equipo Decanal da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo manifesta o seu firme compromiso coa calidade, a excelencia académica e a mellora continua como elementos esenciais da súa identidade institucional. Este programa de desenvolvemento estratéxico pretende ser unha ferramenta útil e viva para orientar as actuacións do centro no medio prazo, reforzando a súa capacidade de adaptación aos novos retos sociais, económicos e tecnolóxicos.
A súa elaboración baseouse nun enfoque participativo, contando coa implicación dos distintos grupos de interese da comunidade universitaria e da súa contorna. O documento estrutúrase arredor dunha análise diagnóstica interna e externa, e establece a misión, visión e liñas estratéxicas do centro en coherencia co Plan Estratéxico da Universidade de Vigo 2021–2026. O obxectivo último é consolidar un modelo de formación superior innovador, inclusivo e internacionalizado, vinculado co territorio e responsable socialmente.